

A toponimia, evidencia das oliveiras
Ante a falta de traballos de investigación previos, un dos puntos de partida para ratificar a presenza de oliveiras en Galicia é a toponimia. O reconto realizado polo historiador deixa uns 70 topónimos relacionados co mundo olivícola tales como a oliveira (44), oliveirais (12), aceite (10), oliveiral (3) e un topónimo de belotas, outro dos nomes para referirse ás olivas. Si ben é certo, se se compara con outros topónimos cunha fonda tradición galega, como xunqueira, bosque, devesa ou carballeira, estes termos chegan a máis de varios centos de rexistros. Estes topónimos referidos á oliveira localízanse na zona de Vigo e en vales como o do Ulla, do Xubia ou do Barcala, onde se concentra o maior número de rexistros sobre este tema. “Existe en Galicia esa zona máis mediterránea no medio dun espazo atlántico como é o galego, e ese claramente é o espazo das oliveiras”, matiza o historiador.A desaparición das oliveiras
En Galicia os vestixios do cultivo de oliveiras que existen na actualidade atenden a dúas realidades diferentes que teñen que ver con intereses e formas de produción e manexo moi dispares. Por unha banda as oliveiras do val do Sil, onde segue habendo un aproveitamento agrario, e por outra, os exemplares singulares vinculados aos pazos. Para abordar a suposta eliminación das oliveiras galegas, unha das explicacións que leva dado ten que ver coa “doma e castración de Galicia”, unha expresión empregada por Castelao e que fai referencia ás políticas durante o reinado dos Reis Católicos. Despois do 1486, da derrota da nobreza partidaria de Juana A Beltraneja, a situación en Galicia cambia e isto tamén afectará a este cultivo, como apunta o historiador. Pero para comprender porqué son tan poucas as oliveiras que quedan nestas terras entran en xogo diferentes fitos históricos non todos eles acontecidos en Galicia pero que tiveron repercusións nesta zona. Un dos feitos para ter en conta é a construción do imperio americano no 1500. Tamén a Revolta Irmandiña que ten lugar en Galicia e que fará reducir a presión dos nobres sobre os labradores é determinante así como a importante crise demográfica que se orixina nese tempo. Todos estes acontecementos orixinan que no 1650 se produza unha re configuración de cultivos. A partir do s. XVIII confórmase o sistema de policultivos, que implica a rotación complexa de plantas nas que xa se introducen especies de orixe americana. Os gandeiros galegos contan tamén cunha cabana conformada por distintos animais, o que lles proporciona abono e permítelles obter alimentos con maior facilidade. Esta situación implica o abandono dalgúns cultivos, entre os que a oliveira resulta na lista dos descartados. “Nese cambio de cultivos, a oliveira vai quedando relegado coa introdución doutros como o millo ou a pataca”, apunta Fernández. Unha escasa e puntual documentación do s. XVIII dá conta da presenza de oliveiras en Galicia. Entre as referencias destaca o Catastro de Enseada de 1752, un dos documentos máis fidedignos segundo o historiador, que recolle xa a existencia dunha plantación de 3.000 ferrados de oliveiras na provincia de Ourense. “O feito de que o cultivo das oliveiras non se expandise cando o fixeron noutras zonas de España demostra que en Galicia non se daban nin as condicións meteorolóxicas, nin sociais, nin mercantís para que se producise tal expansión”, ratifica Fernández. “Podemos botarlle a culpa aos Reis Católicos, á castración de Galicia ou ao clima atlántico pero trátase dunha realidade máis complexa a que motivou que non se expandiu”, sentencia o experto. Nesta ecuación entra tamén outro factor: a agricultura atlántica europea. Galicia especialízase neste tipo de agricultura onde apenas existen os cultivos arbustivos, a diferenza do toxo, e a oliveira queda de novo fora.¿Para que se empregaban as oliveiras en Galicia?
Aínda que quedan por responder preguntas claves sobre o pasado da oliveira en Galicia, outro dos aspectos fundamentais para debullar a presenza deste cultivo nestas terras son os usos para os que se destinaban estas árbores, segundo explica o historiador. O aceite procedente das oliveiras galegas redúcese no 1880 aos mercados locais, un momento que podía ser clave debido a que é cando as conserveiras do sur de Galicia comezan a demandar aceite. Con todo, esa demanda cóbrese xa co aceite que procede das plantacións do sur de España. “Non había produción bastante en Galicia para cubrir a demanda das conserveiras”, explica Fernández.