20260102 turismodebienestar copia20260102 turismodebienestar copia

Baixo o título “O turismo de benestar consolídase como unha das principais tendencias para 2026”, publicouse unha vídeo-entrevista na canle internacional de viaxes www.tres60.travel, na que o columnista Armando de la Gaza entrevista a Pablo García, presidente de Ourensividade, nutricionista e farmacéutico.

A entrevista presentou un estudo realizado por Ourensividade baseado na análise de máis de 130 centenarios, que revela que a lonxevidade está directamente asociada a tres piares fundamentais: unha dieta equilibrada e de orixe local, un estilo de vida fisicamente activo e unha forte sociabilidade comunitaria, factores que agora inspiran novas propostas turísticas centradas no benestar holístico.

Segundo o especialista, os hábitos destas comunidades inclúen unha dieta baseada en produtos locais, unha actividade física moderada integrada na vida cotiá, un descanso axeitado e unha actitude positiva ante a vida. Elementos como as hortas de autosuficiencia, o contacto coa natureza e o sentido do propósito diario preséntanse como elementos clave que agora están a ser reinterpretados por destinos turísticos, balnearios e centros holísticos.

Neste contexto, Armando de la Garza destacou que o turismo de benestar foi unha das grandes tendencias de 2025 e que seguirá a consolidarse en 2026, cun marcado interese por destinos con augas termais, contornas naturais, opcións gastronómicas saudables e experiencias que ofrecen un descanso do estrés urbano. «Cada vez máis viaxeiros buscan algo máis que descanso: queren mellorar a súa calidade de vida».