A nutrición humana sufriu constantes transformacións ao longo da historia, adaptándose aos recursos dispoñibles en cada momento. O inicio da reflexión sobre a nutrición remóntase á época hipocrática coa “teoría dos catro humores”. Hipócrates, considerado o “pai da medicina”, foi un dos primeiros en destacar a importancia da dieta na saúde, afirmando: “Que a túa comida sexa a túa medicina e a túa medicina sexa a túa comida”. Esta idea perdura ata hoxe, subliñando o papel fundamental que xoga a nutrición no benestar humano.
A mediados do século XIX, o filósofo e antropólogo alemán Ludwig Feuerbach reforzou esta idea na súa obra “Ensinar a comida”, coa coñecida frase: “O home é o que come”. Posteriormente, os avances científicos e as investigacións de figuras como Catherine Kousmine completaron esta perspectiva sinalando: “Somos o que comemos, e non hai enfermidade crónica sen unha intoxicación previa dos intestinos”, destacando a importancia de manter unha microbiota intestinal saudable. un ecosistema de bacterias clave para a saúde dixestiva.

Despois da Segunda Guerra Mundial, observouse que os países máis ricos non necesariamente gozaban dunha mellor saúde. Os patróns dietéticos, como o consumo excesivo de ácidos graxos saturados, a baixa inxestión de fibra e o alto consumo de azucre, comezaron a asociarse con enfermidades crónicas. Estudos realizados a mediados do século XX nos Estados Unidos sobre a epidemia de cardiopatía isquémica revelaron factores como o alto consumo de graxas, a falta de actividade física e a obesidade como desencadenantes fundamentais.
Na década de 1980 xurdiu a epidemioloxía nutricional, seguida do desenvolvemento de técnicas de “ómica” molecular. En 1991, Kazarinoff e Habicht, a través do Instituto Americano de Nutrición, identificaron tres áreas interrelacionadas da nutrición: química, biolóxica e social, promovendo unha visión máis integradora da ciencia, na que a nutrición xogaba un papel central.

En España, a investigación sobre alimentación e saúde centrouse en áreas biomédicas como a nutrixenómica, con especial atención á bioloxía molecular. A pesar dos avances, a aplicación destes coñecementos, como no caso da obesidade, aínda ten retos. Aínda que se identificaron varios xenes relacionados con esta enfermidade, combatela pasa tamén por abordar os cambios ambientais.
As futuras liñas de investigación en nutrición céntranse na nutrixenómica, a hidratación e a transición nutricional. En España, esta transición está marcada por dous patróns alimentarios principais: a dieta mediterránea e, no norte, a dieta atlántica. A ciencia da hidratación tamén está gañando importancia, con novas áreas de investigación como os biomarcadores de deshidratación, o equilibrio hídrico en persoas obesas e enfermidades que poderían evitarse cunha mellor hidratación.

Unha das ferramentas máis poderosas para manter a saúde e previr enfermidades é unha dieta saudable. Por iso, é fundamental desenvolver programas de educación nutricional e promover dietas equilibradas, variadas e adaptadas ás necesidades individuais. Os nutrientes esenciais deben consumirse en cantidades adecuadas, evitando tanto excesos como carencias, xa que deles depende o bo funcionamento do organismo.
No ámbito da nutrixenética, a evidencia científica é cada vez máis clara: tanto a dieta mediterránea como a atlántica son patróns dietéticos eficaces para a prevención de enfermidades crónicas. Estes modelos baséanse no consumo habitual de froitas e verduras, cereais integrais, legumes, froitos secos, peixe, carnes brancas, produtos lácteos fermentados e aceite de oliva, podendo incluír un consumo moderado de carnes vermellas, segundo as rexións.
Entre as dietas emerxentes destaca a dieta atlántica, rica en alimentos nutritivos como grelos, polbo, allos, pementos, lácteos e carnes con denominación de orixe protexida (DOP) e indicación xeográfica protexida (IXP) de Galicia. Ademais, Galicia é a comunidade autónoma con maior consumo per cápita de alimentos frescos e a que consume menos produtos elaborados. O elevado número de hortas de autoconsumo, que supón o 20% da produción mundial, é unha proba da importancia dos alimentos frescos na comarca, con Ourense á cabeza.
A dieta atlántica, ao estar baseada en produtos frescos e locais, asóciase a propiedades anticancerígenas, cardiovasculares e normoglucémicas, converténdose nun modelo para unha vida saudable.